Día das Letras Galegas

Carvalho Calero álzase ante o virus

A pandemia de Covid-19, lonxe de ensombrecer o Día das Letras Galegas, achega a figura homenaxeada este ano ás novas xeracións a través das redes sociais

Ricardo Carvalho Calero, nun retrato de época ARQUIVO RAG
Pablo Pazos

Pablo Pazos

Esta funcionalidad es sólo para registrados

O ano Carvalho Calero quedará para sempre asociado á pandemia de coronavirus. 2020 ficará na historia como o ano no que o mundo, a causa do Covid-19, tivo que confinarse para resistir e, desde aí, afrontar unha nova realidade. Hoxe, en condicións normais, Ricardo Carvalho Calero (Ferrol, 1910 - Santiago de Compostela, 1990) sería celebrado por todo o alto co gaio do Día das Letras Galegas , que recoñece este ano a súa figura. Pero as condicións distan de ser normais. Haberá un acto simbólico, sinxelo, unha ofrenda floral ante a que fora a súa casa en Carreira do Conde, en Santiago. Pero os grandes fastos, o acto académico, terán que quedar para máis adiante. Se o virus non o impide, será o 31 de outubro, coincidindo co seu 110 aniversario.

«Tocoulle a Ricardo Carvalho Calero e puido tocarlle a outra figura histórica da literatura galega, pero é unha magoa, certamente », admite en conversa con ABC Víctor Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG). Unha magoa, si, pero sen caer en ningún momento en fatalismos. Ao contrario, Freixanes, que foi alumno seu, destaca o «esforzo enorme» que está a realizar a RAG para «manter viva» tanto a «figura» de Carvalho Calero, «con toda a súa riqueza», como, en si mesma, «a celebración do Día das Letras Galegas». Un esforzo ao que tamén están contribuindo outras institucións, públicas e civís, asociacións culturais, veciños, colexios, profesores, debulla.

En tempos máis telemáticos que presenciais, Carvalho Calero convertiuse na «figura das Letras Galegas que máis presenza ten nas redes sociais en toda a historia », destaca Freixanes. Pero o seu impacto non fica únicamente nas redes. «Tampouco nunca editáronse tantos libros (...) como este ano arredor de Carvalho Calero». En formato físico ou dixital, é posible achegarse desde múltiples ángulos ós «aspectos da súa obra, tanto na súa condición de autor de gramática e filólogo e lingüista, como historiador da literatura, poeta, dramaturgo, narrador», enumera o presidente da RAG. Foron as súas «achegas de carácter cultural, como creador, como crítico literario, como investigador, e non é doado separar unha de outra».

Falar de Ricardo Carvalho Calero, pon en perspectiva Freixanes, é falar da «crónica da historia do galeguismo no ao longo do século XX». A súa biografía, que por extensión de 80 anos abarca, en efecto, prácticamente toda a centuria pasada, é como un percorrido pola propia biografía de Galicia. Celebrado hoxe como figura senlleira da cultura da Comunidade, deixou unha fonda pegada coa súa «Historia da literatura galega contemporánea», pero foi moito máis. Como destaca o académico Henrique Monteagudo no escrito que lle adica a Carvalho Calero no sitio web da RAG, ademáis da súa « contribución ao estudo da literatura galega », «fundador dos estudos literarios» na nosa Comunidade, merece ser lembrado tamén «polo maxisterio que exerceu como primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galega e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego».

Traxectoria

Fala Monteagudo de «traxectoria (...) rica e extensa», e certamente pódese ler case como unha novela ; como «Scórpio», que, explica Freixanes, «reflicte o que foi a súa xeración, porque as personaxes son distintas facianas da súa propia personalidade, das súas propias circunstancias históricas». Da man da historia de Galicia, a vida de Carvalho Calero vai saltando de Ferrol a Santiago, con regreso a Ferrol, traslado a Lugo -coa etapa no colexio Fingoi da que queda, por exemplo, o poso de seu teatro para nenos, parte da súa facina pedagóxica-, o regreso á capital, que se convertiría en residencia definitiva. Movementos xeográficos de importancia, pero acompasados aos cambios que imprimen a Guerra Civil, a posguerra, a dictadura e a entrada en democracia no sempre convulso século XX.

Todo entreverado das propias peripecias vitais , que comezan de xeito traumático, coa morte prematura da nai e, despois, da madrastra. Feitos que deixan feridas e marcan xeitos de ser, que se reflicten no xesto serio co que atopamos a Carvalho Calero nas fotografías que o captaron ao longo do tempo. Tempo que, na República, lévao a formarse no caldo de cultivo do galeguismo e entrar en contacto cos máis destacados escritores e intelectuais. A partir de 1965, cando regresa a Santiago desde Lugo, inicia a súa época de maior esplendor, ou «clímax», como o expresa Monteagudo, cando obtén a cadeira universitaria de Lingüística e Literatura Galega. Na recta final destacaría incluso como orador e publicista.

Os derradeiros anos deixan tamén outro dos capítulos, o máis controvertido , polos que é recordado Carvalho Calero, que desde a década dos 70 se convirte en figura de referencia do denominado movemente reintegracionista. Aí xurde o Carvalho Calero que discrepa da política lingüística imperante e aposta por levar a ortogafía cara territorio portugués.

Vitalidade

Ante a posibilidade de que unha figura da súa relevancia e impacto quede diluida por mor da pandemia, teñen xurdido voces que propoñen extender o Ano Carvalho Calero ao 2021. Freixanes pondera: «A Academia valorará no seu momento a situación e tomará unha decisión en plenario, porque sería rachar unha tradición que ten os seus pros e os seus contras. O que queremos é que a figura das Letras Galegas se celebre coa máxima dignidade. E a máxima dignidade creo que se está celebrando e facendo », advirte.

Nesa liña, defende: « As Letras Galegas nunca estiveron tan vivas . Hai unha vitalidade, cada ano é un novo paso adiante no que é a mobilización social arredor desta celebración». Que non é so un día, lembra, senón todo un ano, «un dos grandes inventos da Academia no seu momento, un dos máis felices», aplaude. «desde 1963 non fixo máis que medrar». E non será a pandemia a que o free, nin faga esquecer a Ricardo Carvalho Calero.

Comentarios
0
Comparte esta noticia por correo electrónico

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Reporta un error en esta noticia

*Campos obligatorios

Algunos campos contienen errores

Tu mensaje se ha enviado con éxito

Muchas gracias por tu participación