Francisco Jorquera - Análisis
A forza que nos une
Sempre pensei que se non existise o BNG habería que inventalo
¿Qué opinan los gallegos?, ¿Los gallegos qué van a votar? Nos meus anos como voceiro do BNG no Congreso foron moitas as veces que escoitei estas frases en boca doutros partidos. Non se referían aos 23 deputados electos polas catro circunscripcións galegas, referianse aos deputados do BNG.
Chamábannos «los gallegos» porque eramos os únicos deputados electos por Galiza que actuabamos con independencia de criterio, sen estar suxeitos á obediencia dun grupo parlamentar estatal. Os problemas de Galiza só estaban presentes nos debates a través da nosa voz e das nosas iniciativas.
Escomezo con esta lembranza porque sempre pensei que se o BNG non existise habería que inventalo. Compártanse ou non os seus postulados, o BNG garante que Galiza teña unha axenda política propia, asegurando que os problemas específicos da nosa sociedade e os nosos anceios como pobo estean presentes no debate e na acción política. Mesmo a existencia e a praxe do BNG ten obrigado ás restantes forzas políticas a definirse sobre cuestións, aínda que só fose para cubrir as apariencias, que noutro caso serían ignoradas.
Son consciente de que o nacionalismo galego vive momentos críticos, cunha importante perda de apoio social nos últimos anos. Esta situación debe de animarnos a abordar as adaptacións e correccións necesarias para seguir sendo unha ferramenta útil para o noso pobo e resintonizar cos amplos sectores da sociedade que tiñan no nacionalismo o seu referente.
Quizais pola miña condición de licenciado en Historia sempre pensei que para construír o futuro é importante aprender do pasado. Ao longo da súa historia o nacionalismo pasou por moitos períodos críticos, mais sempre soubo re-emerxer. As Irmandades da Fala deron paso ao Partido Galeguista e despois o facho recollérono as novas organizacións nacidas nos anos 60 e 70 que logo participarían na fundación do BNG. As ferramentas mudaron ou sufriron adaptacións, mais o ideario seguiu vivo.
O propio BNG naceu dun contexto semellante ao actual, co nacionalismo galego nunha situación de fraxilidade e fragmentación que desembocou na súa refundación. A andaina iniciada polo BNG non foi doada, tocaba remar a contracorrente, mais apostamos por manter na sociedade unha referencia política inequivocamente nacionalista en vez de diluírnos nun proxecto estatal. Aquel proceso, pese ás dificultades, marcou un camiño e deu un horizonte de futuro o nacionalismo e o noso país.
Hoxe, como daquela, o nacionalismo ten o reto de reinventarse, actualizando e arriquecendo o seu ideario mais sen renunciar a el. Este ano no que se celebra o centenario da fundación das Irmandades da Fala, e con elas do nacionalismo galego, é un bo momento para lembrar que sen o nacionalismo Galiza non existiria politicamente, seriamos un pobo sen voz.
Por iso agardo da Asemblea Nacional un debate sincero, aberto e construtivo, no que entre todos formulemos propostas pensadas para actualizar e fortalecer o nacionalismo, desde a convicción de que é un proxecto imprescindíbel para Galiza. Porque Galiza é a forza que nos une.