Feijóo reivindica o galeguismo «cordial e transversal» de Casares
O concello de Xinzo de Limia acolleu os actos centrais de homenaxe a Carlos Casares

Como un «labrador das palabras» que apostou polo diálogo e polas «ideas que unen» no canto de defender as que separan. Deste xeito definiu onte Alberto Núñez Feijóo a Carlos Casares durante o acto celebrado en Xinzo de Limia en homenaxe ao escritor protagonista do Día das Letras Galegas 2017. Esta localidade ourensá, onde Casares pasou boa parte da súa infancia, converteuse no epicentro das celebracións este 17 de maio ao acoller a tradicional sesión extraordinaria da Real Academia Galega no salón de plenos do concello e a descuberta dunha placa en lembranza do escritor na praza anexa á casa consistorial, que leva o nome do homenaxeado.
Ante centos de veciños, familiares do escritor ourensán e autoridades coma o presidente da RAG, Víctor Freixanes , o Conselleiro de Educación e Cultura, Román Rodríguez, ou os portavoces do PP e PSOE no Parlamento galego; o presidente da Xunta —encargado de descubrir a placa— destacou a figura «poliédrica» do autor . Por unha banda, Feijóo referiuse á faceta de Casares como «conversador, recopilador de anécdotas e viaxeiro» reflectida na súa ampla bibliografía, aínda que tamén quixo resaltar o compromiso do escritor á hora de «levantar una nova Galicia, non sobre dogmas senón sobre palabras» .
Como exemplo, Núñez Feijóo lembrou a preocupación do homenaxeado por «ver no galego que non emprega a súa propia lingua, non a un inimigo ao que hai que combater, senón a un irmán ao que é necesario convencer» e gabou a contribución de Carlos Casares ás institucións galegas, especialmente ao Parlamento autonómico, onde o ourensán exerceu como deputado tralas eleccións do 1981. Así, o xefe do Executivo galego resaltou ao autor como unha figura clave á hora de facer posible a actual Lei de Normalización Lingüistica «que cristalizou nun galeguismo cordial e transversal». Tamén destacou a súa contribución especial ao mundo da literatura infantil galega, onde destacan títulos como «A galiña azul» ou «As laranxas máis laranxas de todas as laranxas».
«Festa para os nenos»
Do mesmo xeito, o alcalde de Xinzo, Antonio Pérez, salientou a «bohomía» e a capacidade de diálogo do autor ourensán durante a homenaxe. «Tiña moitas virtudes, sobre todo a capacidade de conversar e de diálogo que a sociedade bota tanto de menos hoxe en día» , subliñou o rexedor, que tamén apuntou que o papel do autor homenaxeado non se entendería sen Xinzo de Limia e as súas terras, «reflexo do que el viviu e onde foi consciente do que era Galicia».
Pola súa banda, o primoxénito do autor, Hakan Casares quixo agradecer as mostras de agarimo da xente anónima que, segundo relatou, se achega a el pola rúa para lembrarlle «o boa persoa» que era seu pai. Ademais, o fillo do homenaxeado avogou por converter o Día das Letras Galegas nunha «festa para os nenos» , para animarlles a ler en galego e gozar da cultura de Galicia, co obxectivo de que «algún colla a afección por escribir e loitar por esa Galicia» que seu pai soñou.
Noticias relacionadas